domingo, 13 de abril de 2014

Turismo de Galicia e a Asociación da Xunta de Confrarías de Viveiro asinan un convenio de colaboración para apoiar a celebración da Semana Santa 2014...



  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez e mais o presidente da Asociación da Xunta de Confrarías de Viveiro, José Veiga Golpe asinaron hoxe un acordo para apoiar a celebración da Semana Santa na localidade mariñá que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional

  • En canto ás previsións de ocupación para a Semana Santa en Galicia, a directora de Turismo avanzou que as expectativas do sector son positivas e as previsións de ocupación acadan un 52,3% de promedio nos establecementos hoteleiros segundo a sondaxe realizada por Turismo de Galicia


Santiago de Compostela, 11 de abril de 2014.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez, e mais o presidente da Asociación da Xunta de Confrarías de Viveiro, José Veiga Golpe, rubricaron esta mañá en Santiago un acordo de colaboración destinado a apoiar a celebración da Semana Santa de Viveiro, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o Plan Integral de Turismo de Galicia recolle na segunda liña estratéxica relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, unha acción relativa á definición da estratexia de promoción das festas de interese turístico, dado que as festas forman parte da nosa cultura e constitúen un recurso turístico con grande capacidade de atraer turistas e excursionistas ao longo de todo o ano.

Por este motivo, dixo, “o noso obxectivo vai encamiñado a mellorar a planificación, organización e difusión das festas de interese turístico internacional, nacional, e de Galicia para acadar a máxima repercusión das mesmas, tendo en conta a conservación dos valores tradicionais e a aposta polos aspectos autóctonos dos eventos”.

A Semana Santa de Viveiro está considerada como unha das máis fermosas de España e destaca polo gran valor histórico e artístico das súas imaxes. Ao levarse celebrando ininterrompidamente dende o século XIII é considerada coma unhas das celebracións relixiosas máis antigas da comunidade. Numerosos turistas e visitantes acoden cada ano a esta festividade co fin de ver e participar nas numerosas procesións e actos relixiosos que se desenvolven neste período, nos que destacan o Via Crucis, as procesións, o Descendemento e o Encontro organizados polas oito irmandades que compoñen a Xunta de Confrarías.

Estas razóns levaron a que se lle outorgase o pasado ano a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, un distintivo que posúen unicamente seis festas máis en todo Galicia. Esta celebración constitúe un dos motivos principais polos que moitos turistas acoden á Mariña Lucense cada Semana Santa, polo que se converte nun reclamo que atinxe á divulgación da oferta turística da contorna tanto a nivel nacional coma internacional.

Destino con gran potencial de desenvolvemento turístico
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, a Mariña Lucense é un dos territorios galegos cun gran potencial turístico ao englobar no seu conxunto diversos recursos de diferente natureza. Nava Castro comentou tamén que nos últimos anos vense traballando na creación e promoción de numerosos produtos que poñen en valor estes prezados recursos con exemplos como a Ruta da Artesanía, o Camiño do Norte, o proxecto a Alma da Artesanía, o tren turístico Ruta dos Faros dende Ferrol a Ribadeo ou a potenciación das festas de interese turístico.

Nos dous primeiros meses do ano, a Mariña rexistrou unha mellora importante dos seus niveis de demanda hoteleira, superando nun 14% tanto a cifra de viaxeiros aloxados coma o nivel de pernoctacións do pasado ano. Esta mellora prodúcese tanto no ámbito do turismo nacional ao subir un 4,2%, coma no internacional, o cal cuadriplica o volume de pernoctacións do primeiro bimestre de 2013.

Previsións de ocupación no conxunto da Comunidade
A Área de Estudos e Investigación de Turismo de Galicia realizou unha sondaxe entre os días 8 e 9 de abril a unha mostra de hoteis da comunidade sobre as previsións de ocupación entre os días xoves 17 e domingo 20 de abril. As previsións para a Semana Santa para o conxunto de Galicia sitúan o nivel de ocupación nun 52,3% de promedio segundo a sondaxe realizada.

Nos hoteis de catro e cinco estrelas as previsións actuais falan dun promedio do 70% de ocupación e nos hoteis de tres ou menos estrelas, a expectativa sitúase arredor do 50%.
En termos comparativos, as expectativas dos hoteleiros son positivas e mellorarán de forma importante os resultados do pasado ano.

A estas estimacións hai que engadir as opinións das diferentes asociacións empresariais do sector do aloxamento de Galicia, así como da patronal das axencias de viaxe e outros axentes do sector. Neste sentido, en termos globais, segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “a sensación cara á Semana Santa 2014 é optimista dado que a maior parte dos axentes consultados afirma que as expectativas son boas e é moi probable que se melloren os resultados do 2013”.

A consulta dos datos sobre algúns puntos concretos permite observar que na cidade da Coruña as previsións da patronal sitúan o nivel de ocupación en torno ao 80%. Na provincia de Pontevedra actualmente o nivel de reservas supera nun 5% o dato das rexistradas no pasado ano e concretamente na área de Vigo sinalan que a día de hoxe a porcentaxe de reservas está no 50% aproximadamente, pero coas reservas de última hora esperan acadar un promedio do 70%.

En Sanxenxo comentan que existe un gran movemento de última hora e son optimistas de cara a esta Semana Santa ao igual que nas zonas de Ferrolterra e Ourense.

No sector do turismo rural, as previsións son especialmente optimistas na Ribeira Sacra cun promedio do 80% de ocupación e na zona da Costa da Morte onde se situaría nun 60%.

Un dos segmentos que destacan polas boas expectativas é o do termalismo. A finais da semana pasada as previsións de ocupación para Semana Santa eran do 65% para a fin de semana do Domingo de Ramos e do 70% de xoves a domingo de Pascua, aínda que a patronal espera que se incrementen estas cifras entre un 5 e un 10%, a maiores.

No ámbito das axencias de viaxes a impresión xeral é positiva no sentido de que este ano a Semana Santa está sendo xa mellor que a do 2013.

0 comentarios:

Publicar un comentario

ShareThis